top of page
Buscar
Foto del escritorAdmin Cmus

TUNE, A REDE EUROPEA DE ESTUDOS DE GRAO EN MÚSICA TRADICIONAL, NO CSMVIGO

Actualizado: 17 oct 2023

TUNE, A REDE EUROPEA DE ESTUDOS DE GRAO EN MÚSICA TRADICIONAL,

ORGANIZA A SÚA CUARTA INTENSIVE WEEK NO CONSERVATORIO SUPERIOR

DE VIGO PARA PROMOVER A MÚSICA TRADICIONAL.


Vigo converterase do 16 ao 20 de outubro na capital europea da música

tradicional.


Grupo galego en TUNE Estonia


Do 16 ao 20 de outubro, TUNE aterra en Vigo para desenvolver a súa cuarta Semana Intensiva acollendo a estudantes e profesores de música tradicional de institucións dos cinco países que participan neste proxecto Erasmus+: Estonia, España, Francia, Grecia e Noruega. O Conservatorio Superior de Música de Vigo terá o privilexio de representar a España, e a cidade de Vigo converterase no gran escaparate da cultura tradicional galega para Europa.

Durante 5 días, TUNE terá como protagonistas a uns 50 músicos estonianos, galegos, franceses, gregos e noruegueses que se reunirán na cidade olívica para intercambiar coñecementos sobre as tradicións musicais europeas a través de talleres, conferencias e concertos. Aínda que a maioría destas actividades realizaranse exclusivamente para os participantes, o público terá ocasión de gozar desta experiencia en dous concertos abertos e de balde.


CONCERTOS ABERTOS AO PÚBLICO

Como colofón, durante as últimas dúas xornadas da Intensive Week celebraranse concertos de acceso libre e gratuíto para o público, nos que brillará a diversidade cultural europea a cargo dos integrantes de TUNE dos cinco países.

O 19 de outubro ás 20:00h no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Vigo, o concerto será a cargo de cinco agrupacións mixtas (Mixed Ensembles), cada unha integrada por cinco intérpretes (un músico de cada país), onde se fusionarán músicas baseadas en temas e ritmos de cada nacionalidade.

Como acto de clausura o 20 de outubro ás 20:00h na Praza da Porta do Sol de Vigo, actuarán as agrupacións nacionais interpretando as músicas tradicionais de cada país, así como unha orquestra tradicional formada por todos os participantes neste encontro; unha ocasión única para gozar e coñecer a cultura tradicional europea a través da música. En caso de chuvia este concerto trasladarase ao Auditorio do Conservatorio Superior.


TALLERES, CONCERTOS E VISITAS DESTINADOS AOS PARTICIPANTES DE

TUNE

Durante esta semana Intensiva os participantes nutriranse da cultura galega e europea con seis talleres sobre música tradicional:

1. “Creación en Canto Polifónico” por Jakes Aymonino. Neste taller a única linguaxe existente é o musical a través do canto. Construirase unha polifonía a partir de diferentes elementos musicais a partir da oralidade e a creatividade, ademais da utilización dunha colección de cancións tradicionais de diferentes países para buscar propostas melódicas e rítmicas.

2. “Danza Tradicional Noruega” por Ragnhild Furholt. Este taller céntrase na danza tradicional e rítmica do país nórdico. Os participantes aprenderán pasos básicos e coreografías que reflicten a rica herdanza cultural de Noruega.

3. “Canto Tradicional Galego” por Carme López. Achegamento ao canto de tradición oral galega a través das melodías acompañadas con percusión de man para coñecer a conexión entre o canto e o ritmo nas músicas destinadas ao baile.

4. “Fiddle Galego” por Alfonso Franco Vázquez. Presentación dos principais golpes de arco e adornos empregados no violín para reproducir os distintos ritmos e interpretar os principais xéneros da música tradicional galega.

5. "Fiddle en Estonia"; por Kelly Veinberg. Introdución á historia e as principais características de estilo sobre a música tradicional estoniana para violín. Presentaranse melodías populares e traballaranse diversos aspectos, como o movemento do arco, o uso de cordas ao aire, dobres cordas etc.

6. “Percusión Tradicional Galega: Enfoque Práctico” por Carlos Castro. Aproximación aos principais instrumentos tradicionais galegos como a pandeireta, o tamboril, o bombo, o pandeiro e as cunchas. Mostrarase como obter os diferentes tipos de sons con cada un para tocar algúns ritmos básicos como muiñeira, xota ou rumba.


O Castelo de Soutomaior será o escenario o 17 de outubro, dun taller de danza e un espectáculo de música e danza protagonizado por O Fiadeiro, un dos maiores expoñentes da música galega e quen vén de celebrar os seus 25 anos de traxectoria, conservando e transmitindo ás novas xeracións o legado da cultura inmaterial da tradición galega.

Finalmente, como parte destas actividades dirixidas a mostrar o patrimonio material e inmaterial de Galicia, os participantes en TUNE realizarán unha visita a Santiago de Compostela o mércores 18 de outubro, onde visitarán o Museo do Pobo Galego, a Catedral e a cidade histórica.


SOBRE TUNE

TUNE, Traditional Music Undergraduate Network Europe, é un proxecto de asociación para a cooperación Erasmus+ de tres anos de duración (2021-2024). O seu obxectivo é promover a colaboración estratéxica entre cinco institucións europeas de ensino superior de música mediante o desenvolvemento dun innovador módulo de música tradicional, baseado no concepto de mobilidade combinada. As institucións de Estonia, España, Francia, Grecia e Noruega aspiran a conectar e enriquecer as experiencias académicas dos estudantes de música do continente.

TUNE pretende fomentar o desenvolvemento da competencia intercultural entre os estudantes a través dun módulo universitario común (Joint Module) sobre música tradicional: European Traditional Musics Beyond Borders. Ademais, está a implementarse a Online Platform for Learning, Teaching and Musical Exchange, unha plataforma dixital que fomenta a colaboración e o intercambio entre estudantes e docentes dos centros participantes, ao longo do ano académico, con eventos semestrais que inclúen talleres, conferencias e concertos.

Máis aló dun mero intercambio académico puntual, TUNE pretende ser unha plataforma para desenvolver competencias interculturais, concienciar sobre a identidade e patrimonio cultural europeo e mellorar a empregabilidade dos estudantes mediante a oportunidade de crear unha rede profesional europea e desenvolver competencias e habilidades dixitais.

TUNE está formado por 6 institucións europeas: a AEEC (Asociación Europea de Conservatorios, Academias de Música e Musikhochschulen), a Academia de Cultura Viljandi da Universidade de Tartu (Estonia), o Departamento de Estudos Musicais da Universidade de Ioannina (Grecia), a Universidade South-Eastern Norway (Noruega), o centro de ensinos superiores Pôle Aliénor (Francia) e o Conservatorio Superior de Música de Vigo (España).

A organización da Intensive Week en Vigo conta co patrocinio e a colaboración da Comisión Europea a través da Axencia Erasmus Noruega, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Museo do Pobo Galego e o Conservatorio Superior de Música de Vigo, como anfitrión do evento.


31 visualizaciones0 comentarios

Comentários


bottom of page